Categorías
Noticias

Nova plantación de freixos e ameneiros no río Tins

A pesar da chuvia, este sábado 24 de febreiro realizouse unha nova actividade de voluntariado ambiental do proxecto ReNatur_Outes, na que unha ducia de participantes plantaron 76 freixos e ameneiros ao longo do treito urbano do río Tins na Serra de Outes, contribuíndo á súa renaturalización. Os traballos continuarán o próximo mércores día 28 co alumnado do CEIP Plurilingüe de Outes.

O obxectivo da acción é dobre: consolidar os noiros do río para evitar erosión e danos durante os episodios de enchentes e contribuir á recuperación dos ecosistemas de ribeira, pois estas árbores teñen unha especial importancia como refuxio de invertebrados bentónicos e pequenos invertebrados. O proxecto ReNatur_Outes plantará 300 novas árbores e 200 arbustos no treito urbano do río.

Liderado polo Concello de OutesRenatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *